Ceip Agro do Muiño

Ceip Agro do Muiño
PROXECTO DOCUMENTAL. CURSO 2009-2010

viernes, 26 de marzo de 2010

EXPO ARTESANÍA E MÚSICA

Impresionante é a palabra coa que definiron, aquelas persoas que se achegaron entre os días 23 e 26 de marzo, a Expo de Artesanía e de Música. Foron moitas as pezas artesáns e os instrumentos musicais expostos, e todos eles provintes de diferentes lugares do mundo: lanzas Masais de Kenia, panos típicos de Exipto, máscaras de Ceilán, Venecia, Costa Rica e de Kenia (empregadas en rituais), pulseras e colares feitos con distintos materiais, son algúns dos exemplos. Entre os instrumentos musicais destacamos un tambor de auga do Congo, un pao de choiva de Costa Rica usado para relaxarse, maracas de Cuba e ata unha frauta traveseira do Nepal.

jueves, 25 de marzo de 2010

EXPO XOGUETES DO MUNDO

Entre o 4 e o 12 de febreiro a bibliteca do "Agro do Muíño" converteuse nun divertido museo de xoguetes do mundo, facilitados polas familias, mestres e o resto da comunidade educativa. Nela puidemos observar preciosos camelos de Marrocos, móbiles de Uganda ou da República Checa, buxainas de Túnez, un fermoso xadrez ruso construído con madeira, as famosas matrioskas rusas, un caleidoscopio de Italia, bonecos de diferentes países como a India ou Turquía, unha moto feita con latas de refresco e un coche de madeira feitos en Cuba e outros moitos xoguetes que fixeron as ledicias de todos aqueles que visitaron a exposición durante os días que durou a mesma.

EXPO FOTOGRAFÍAS DO MUNDO

Partindo dunha iniciativa do proxecto e co fin de que o alumnado coñeza mellor as distintas culturas coas que traballan, solicitouse de novo ás familias a súa colaboración. En esta ocasión cada quen aportou o seu gran de area a través de fotografías. Con dito material elaboramos varios paneis nos que se amosaban as distintas manifestacións culturais de cada unha delas: música, artesanía, gastronomía, traxes ou monumentos. Cada fotografía leva un pé de foto indicando a familia que a aportou, o país ao que se refire e un pequeno texto descriptivo da mesma.

EXPOSICIÓN "XORNAIS DO MUNDO"

Coincidindo coa conmemoración da Semana da Prensa (do 8 ao 12 de marzo), decidimos realizar no colexio unha exposición con "Xornais do Mundo". A través de revistas e xornais de Israel, China, Túnez, Turquía, Rusia, Exipto, Estados Unidos, Francia, Gran Bretaña, Lituania, Bélxica, Polonia, Alemaña, Italia, entre outros, achegámonos ás novas que sucedían neses lugares. Chamounos a atención o "The Epoch Times" de Israel, "Takvim" de Turquía, "Usa Today" de Estados Unidos, "Corriere della Sera" de Italia, "Vilnius" de Lituania, "La Tribune" de Francia, "Le Soir" de Bélxica, entre outros. En definitiva, unha impresionante viaxe polo mundo a través da prensa escrita.

ENTROIDO

O espectáculo do entroido non pasou de largo polo "Agro do Muíño", e como non podía ser de outra maneira, chinos, indios, brasileiros, masais, maorís,... conviviron durante unha xornada na que as danzas tiveron o principal protagonismo. Comezaron os desfiles os pequenos de infantil, logo as escolas unitarias e por último os nenos e nenas de educación primaria.

CHINOTECA

Entre os días 1 e 15 de decembro tivo lugar no colexio unha exposición con diverso material didáctico sobre China. A Chinoteca achegounos a unha cultura diferente á nosa, a través de imaxes, libros e fotografías e amosounos a importancia de respectar e valorar formas de vida diferentes. Esta exposición é itinerante e foi posible gracias a unha asociación de pais que teñen en adopción nenos e nenas de ese país.

MAGOSTO

O 6 de novembro celebramos no colexio o Magosto, ¡e este ano non foi un magosto calquera! Levamos a cabo un intercambio cultural, no cal dous colexios acompañáronnos nesta xornada tan especial: o colexio Sant Serní de Prats (Lérida) e o de Ariño (Teruel). Tamén tiveron unha presencia especial, como non podía ser de outro xeito, as distintas culturas coas que estamos traballando no colexio. Así, puidemos xogar con comecastañas que parecían indios e maorís, bailamos distintas danzas,... En definitiva, unha xornada chea de diversión, de fartura e de grandes emocións.

TABOLEIRO XERAL

O punto de partida do proxecto, unha vez decididas as culturas coas que traballar, foi elaborar un mural do mundo e situalo nun lugar ben visible do colexio. Cada grupo traballou na súa aula e investigou máis profundamente sobre a cultura que lle pertencía. Pouco a pouco fomos completando o taboleiro con información interesante das distintas culturas.

lunes, 8 de marzo de 2010

DISTRIBUCIÓN DAS CULTURAS

Á hora de decidir as culturas sobre as que traballar, tivemos en conta o país de procedencia de diversos nenos e nenas matriculados no centro, favorecendo de esa forma a multiculturalidade e contribuíndo a formar persoas respectuosas e competentes para desenvolverse nunha sociedade cada vez máis plural.
Educación infantil fará un percorrido por China e pola India (Asia). América será o continente visitado polo alumnado do primeiro ciclo de Ed. Primaria: 1º curso os Indios e 2º curso a cultura Brasileira. O segundo ciclo de Educación Primaria introducirase en África: 3º curso na cultura dos Tuaregs e 4º na dos Masais. Os nenos e nenas de 5º non abandonarán Europa, xa que visitarán Bulgaria e Reino Unido. E por último, os Inutis (nas rexións árticas) e a cultura Maorí (en Oceanía) estarán presentes nas aulas de sexto.


Como podedes comprobar, trátase dun percorrido fantástico ao que todos e todas estades convidados.

martes, 2 de marzo de 2010

INTERCULTURALIDADE


Durante este curso, 2009-2010, no Ceip Agro do Muíño estamos desenvolvendo o proxecto documental "Interculturalidade" sobre as diferentes culturas do mundo.

Participa no proxecto todo o alumndo, todo o profesorado e en definitiva toda a comunidade escolar.